Despois desta paréntese da campaña electoral, reincorpórome ao blogue, onde ás veces me vexo un pouco soa; os comentarios non abondan e aínda non demos creado unha verdadeira polémica... En fin, abro páxina agardando que se encha con preguntas, comentarios, suxestións, reflexións... A ver...
En primeiro lugar, gustaríame destacar o que se di da visión que o sistema educativo ten das linguas, nas materias de lingua e literatura. Observase unha visión paifoca da linguaxe, pouco profunda e repetitiva. Todos vivimos a mesma materia de lingua, de forma repetitiva unha e outra vez, no sistema educativo... Lembro darmos as mesmas cousas dende os comezos da ESO ate o final do bacharelato, sendo quizais algo máis concretas co tempo, pero sempre sendo as mesmas (Encetábame cando a miña profesora de galego nos dicía que iso xa o viramos con ela en 3º da ESO, o que pasa é que nós esqueciamos con facilidade). A realidade lingüística que abordamos é memorística, non se afonda dunha maneira crítica as situacións dos idiomas, e a súa repercusión na cultura. Por exemplo, cando estudamos castelán, non estudamos a súa situación sociolingüística no mundo, na súa literatura debemos enfocala como boa, e o seu sentimento de españolidade compartido por algunhas xeracións poéticas non debe ser criticado...
ResponderEliminarOutro tema que saliento é cando se fala de linguas e fronteiras. A idea de que, se usamos unha lingua dominante se nos pode entender en case todo o mundo, podemos acceder a mellores postos de traballo, así como termos unha maior consideración a nivel social. Vémolo no documental que vimos esta semana nas mans da avoa que non entendía ao seus netos, ou da muller que sostiña que era mellor educar aos seus fillos en mandarín, ou aquel pai que lle falaba ao bebé en Ruso (Creo)... Tamén o vemos na nosa sociedade, e o podemos consultar no documental de Linguas Cruzadas onde un rapaz di que seus pais pensaron que era mellor falar castelán para o seu futuro.
Como se di no libro, existe unha ritualización lingüística, as linguas son validas para algúns contextos e para outros non, segundo algún imaxinario popular. Así haberá persoas que non usen o galego para comunicarse polas redes sociais, o galego usarase na lexislación e no ensino debido a que está regulado... O primeiro paso é a ritualización, logo prodúcese presión por parte da comunidade ate que as nais deixan de falarlles aos fillos na lingua dominada para que estes se críen nun idioma máis válidos para a súa promoción social, despoxándoos dunha identidade herdada, e dun patrimonio cultural valioso, desherdándoos dunha identidade.
A lingua como vimos en clase e aparece no libro é unha imaxe dunha cosmovisión propia, ao igual que o simbolismo relixioso, e calquera outro produto cultural a lingua está contextualizada nun pobo e nunha forma de producir e vivir. Todo idioma está contextualizado na súa cultura, nós podemos aprendelo, e coñecer a súa cultura, pero nunca saberemos de toda a súa composición se non aplicamos a lóxica da súa vida. Podemos falar moi ben galego normativo, pero se nunca víveche entre galegos non poderás entender a retranca que eles teñen. Pasa cos erasmus que se atopan integrados nunha vida galega, ao comezo do curso non entenden as nosas bromas, e ao final do mesmo son capaces de crealas e de xogar con elas con maior habilidade case que os propios galegos. Por iso non entendo a visión da análise lingüística illada, da recollida de palabras por si soa, poderemos ter un léxico moi grande dunha lingua, pero non teremos a cosmovisión da mesma. (Como exemplo sería poñernos agora a recoller palabras das diferentes partes do carro no mundo rural, moi interesante, pero que se non está ligado a forma de vida de cada zona non ten sentido, sobre todo dende que hai anos que se instaurou como método produtivo o tractor, e as persoas que viviron a época do carro van morrendo pouco a pouco, as palabras de como se denominan as partes quedan, pero a vivencia e o seu sentido esmorecen.). Por iso entendo que todo estudo lingüístico debe estar acompañado dunha vivencia real produtiva, non tan só de recollida de datos, se non de vivencia real da vida en sociedade con esas persoas. Non ser un convidado, ser un membro da sociedade. Non sei como se realizan os estudos lingüísticos en comunidades de falantes doutros idiomas, pero baixo a miña perspectiva se non realizas unha labor de cidadán da comunidade de acollida e quedas como un mero observador e anotador de léxico, non vas acadar realmente a cosmovisión do pobo que queres estudar.
ResponderEliminarPara entender a carga simbólica da linguaxe, hai que entender a propia sociedade. Así na lingua tamén se inclúen elementos que fan alusións a grupos que desexan ser marxinados por contextos poderosos. Insultos como maricón ou puta, aluden a eses colectivos como “malos” estigmatizándoos aínda máis, a lingua exponnos continuamente a eses estereotipos e ao final dámolos por sentados, deshumanizando as persoas que pertencen aos mesmos. Así que a lingua, sen termos en conta as relacións que poida ter con outras, tamén ten un poder e unha forza de cara aos individuos. A masculinización nos plurais (Aínda e cando só haxa un suxeito masculino) é un exemplo dese poder ideolóxico que pode exercer a lingua nos suxeitos, ou como xa dixemos antes a alusión aos suxeitos marxinados como insulto que aumenta a súa situación de marxinación social.
ResponderEliminarCreo que con isto expuxen un pouco a miña visión final do libro e do vídeo, e aquelas cousas que salientei a nivel persoal. Quizais van máis na liña da aprendizaxe e dos contextos sociais, pero é tamén aquilo que máis me chama a atención dende a miña perspectiva como educador. (Sinto poñelo en 3 mensaxes diferentes pero non me collia nun só)
A verdade é que despois de semellante intervención calquera se anima! ;)
ResponderEliminarAínda que sí que parece que o debate sobre o libro xerou pouca controversia,tal vez non sexa ésa a única maneira de elaborarmos conclusións.
Deixando aparte tódolos aspectos que xa foron obxecto de intervención na clase,aporto unha cita (case directa) do libro que sería de interese e creo non se abordou: " A sociedade será máis xusta na medida en que se consiga que a poboación teñe instrucción abonda como para superar as restriccións do poder implícito na linguaxe". Con isto non só se está apuntando á necesidade de outorgar unha dimensión política á linguaxe no ensino,senón que se lle está concedendo á mesma unha capacidade de intervención sobre a inxustiza social moi elevada. A tese de que se pode intervir socialmente sobre a realidade mudando a linguaxe xa foi obxecto de debate noutros momentos, pero tal vez sería de interese traela ao contexto do libro e ao seu papel na defensa das linguas minorizadas. Nesa liña, educar na crítica e análise da lingua que empregamos 8en tódalas súas dimensións,pero sobre todo nas dimensións esquecidads polo sistema educativo) convertiríase nunha sorte de educación para a subversión e tamén para o empoderamento(e refírome con isto a coñecer e criticar os sistemas a través dos cuais a linguaxe nos afecta e domina,non aprender as formas e maneiras coas que dominar)
Paréceme unha idea merecerdora de reflexión,e que implica tamén de forma intesa ao sistema educativo no que moit@s planean inxerirse... gustaríanme as vosas ideas.
Marina
Marina, paréceme moi acertado o teu comentario acerca da idea de, como ti dis, "educar na crítica e análise da lingua que empregamos". E precisamente a cita que salientaches paréceme un bo reflexo do que para min se destaca no libro: a importancia de identificar a situación das linguas, de facer que estas se coñezan e actuar dacordo con isto, é dicir, non ficar sen facer nada. Penso que esto é o que se reflexa especialmente ó final do libro, no apartado "Un dilema moral", co caso da antropóloga que dubida entre facer o que considera correcto ou facer "o que debe" (véxase, non facer nada).
ResponderEliminarAsí pois, paréceme que o libro é fiel ó que predica, ó principio de educar e concienciar analizando a situación de distintas linguas e denunciándoa. Con referencia a identificar a situación concreta na que se atopa unha lingua, o libro sinala catro indicios de perigo de morte: "descenso de uso nos falantes de menor idade"; "inseguranza gramatical, léxica e narrativa"; "ritualización dos usos"; e "incorporación de formas alleas á lingua". Mais o libro vai máis aló de animarnos a recoñecer que hai linguas que precisan saír desa situación desfavorable, pois mesmo sinala maneiras de axudar a cambiar esa realidade: "as persoas poden situarse como activistas contra a morte de linguas por ser esta inxusta fomentando as actitudes de intercambio cultural, dispoñéndose a aprender as linguas locais alí onde viaxen ou interesándose polo coñecemento de linguas minoritarias". Asimesmo, anímanos a recuperar as formas propias dunha lingua que están a caer en desuso; sinálase a este respecto, por exemplo, a diferencia existente entre "Xoán tirou o vaso" e "Xoán tirou co vaso".
Hei de recoñecer que tanto a lectura do libro como o posterior debate na clase axudáronme a desenmarañar as miñas ideas neste tema, un tema que non me parece nada sinxelo senón máis ben un "paradoxo" debido a como se di, no libro, "as linguas son todas distintas [...] mais, ao mesmo tempo, miradas en profundidade, agochan unha certa unidade esencial". O que quizais máis me fixo abrir os ollos foron os exemplos de particularidades como o das linguas dos trópicos que agrupan os termos "man" e "brazo" ou "perna" e "pé" nun só, xa que alí úsase pouca roupa. Son este tipo de particularidades da lingua as que, a aqueles que non as coñeciamos, nos parecen algo así como poemas orixinais e fermosos, e nos fan dar conta do que suporía perder tales riquezas.